29 de set. de 2015

CLUB DE LECTURA

Hai nada comezabamos un novo curso e semella que a estas alturas xa estamos a coller bo ritmo con diversas actividades organizadas polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega en colaboración co Seminario de Lingua Galega e Clásicas do noso colexio.
Unha desas actividades, pensada para os nosos alumnos maiores de Bacharelato, vai ser a creación do primeiro CLUB DE LECTURA EN GALEGO.
Coa fundación durante este próximo mes de outubro de "NÓS, OS VIAXEIROS DAS LETRAS" queremos aportar o noso gran de area ao Plan Lector do centro, colaborar no proceso de normalización e dinamización da lingua galega na vida escolar, contribuír a mellorar a comprensión lectora en galego dos alumnos de Bacharelato, fomentar o seu gusto pola lectura e polo coñecemento da literatura galega, e favorecer o intercambio de ideas, opinións, inquietudes..., tendo sempre como espazo referencial e nuclear a biblioteca do centro.
Agardamos que tras a convocatoria e a xuntanza informativa, sexan moitos os que decidan sumarse a esta actividade e gocen do pracer de ler e compartir unhas boas lecturas.
Todas as novas relacionadas co CLUB DE LECTURA aparecerán reflectidas na marxe esquerda deste blog no bloque de "SECCIÓNS".


Ningún comentario:

Publicar un comentario