28 de set. de 2012

LIBROS FINALISTAS DA IX EDICIÓN DO PREMIO LITERARIO "FREI MARTÍN SARMIENTO"

Outro curso máis ponse en marcha o Premio Literario "Frei Martín Sarmiento", organizado pola Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas de Galicia e que xa vai pola súa IX Edición.
Como ben saben moitos dos nosos alumnos, este concurso literario naceu hai xa uns anos no noso colexio como unha idea para fomentar a lectura en galego. A diferenza dos concursos tradicionais, neste son os alumnos o xurado, e premian, tras a lectura de varias obras clasificadas por categorías, o mellor escritor galego do ano.
Dende hai unhas poucas edicións tamén se dá a posibilidade de que exalumnos, pais, profesores e persoal dos centros educativos participen na categoría de adultos.

Para o presente curso 2012/2013, estas son as obras seleccionadas:

1ª CATEGORÍA (1º e 2º de Educación Primaria):

Felicia Fuster,  
Vou ter un irmán (ed. Galaxia).
Un libro protagonizado pola incerteza que unha nena sente cando os seus pais lle din que vai ter un irmán. As preguntas acoden voando á súa cabeciña: e como será?, e como é posible iso?, e como vai cambiar a miña vida?, e os meus pais agora van ser diferentes? Constrúese unha historia divertida que permitirá, a irmáns maiores e a pais e nais co seu segundo fillo en camiño, abordar o tempo da espera dende a comicidade e unha visión moi graciosa do mundo. Porque non hai nada máis fascinante que ter un irmán.


Pinto & Chinto, 
A maceira que daba calquera cousa menos mazás (ed. Everest).
Supoñamos que unha maceira non pode, de primeiras, cumprir coa que se considera unha das funcións da súa existencia... Sería este motivo para acabar con ela? Hai que deixar que o tempo siga o seu curso e, sempre que teñamos a capacidade de reinventarnos e de crer nas nosas posibilidades, a espera será xustificada. Igual que as árbores e os seus froitos, as persoas medramos a un ritmo diferente que non se pode forzar se non queremos quedar na metade do camiño.


Manuel Guisande, 
Rodribico e a noite (Baía Edicións).
Rodribico é un paxariño ao que lle encanta estar forte e vivir todo tipo de aventuras. Rodribico habita nunha inmensa árbore, con grandes pólas, e no seu niño ten todas as comodidades que unha ave pode desexar.







2ª CATEGORÍA (3º e 4º de Educación Primaria):

Xurxo Silvestre Gómez, 
Ti non xogas! (ed. Xerais).
Ti non xogas! Durante unha semana enteira non parou de chover e hoxe por fin saíu un sol radiante. Pero Suso, en vez de estar a xogar ao fútbol co resto dos rapaces, está sentado nun chanzo da escaleira do patio da escola. Está aburrido e amolado. O peor é estar amolado, e estao, porque cando quería xogar Róber chimpoulle: -Ti non xogas! Non houbo ninguén que lle dixese a Róber que iso non se podía facer, que todos poden xogar e ninguén ten dereito sobre os demais. Por iso Suso está amolado, porque non soubo que facer.

Antón Cortizas, 
Rosalía e os equinodermos (ed. Tambre).
Nesta obra cóntase como a noite en que recibe de agasallo un pequeno lapis verde, Rosalía non consegue durmir ben. Entón decide erguerse e escribir con el nun caderno. Entre o silencio da madrugada, percibe unha voz no seu cuarto. É do seu lapis, que ten o don de relatar historias marabillosas.






3ª CATEGORÍA (5º e 6º de Educación Primaria):

Anxo Fariña, 
A chave da Atlántida (ed. Xerais).
Os científicos do "Proxecto Prometeo" crearon A-cero, un ser humano artificial. Un proxecto científico que os bioenxeñeiros da empresa Biomorph desenvolveron a partir da lectura duns pergamiños atopados na fosa Kermadec, cando indagaban sobre a cidade asolagada da Atlántida. Aqueles pergamiños, redactados nunha lingua descoñecida, deixaban ver uns planos nos que se identificaban segredos ocultos, capaces de construír un novo futuro para a ciencia e para a humanidade. A fuxida de A-cero e o seu encontro con Eva e o seu tío Fran desencadeará a busca da chave que permita entrar na Atlántida, unha civilización en estado de hibernación, á que semella poder accederse dende as viguesas illas Cíes.
Esta obra é unha novela de ciencia-ficción na que, a un ritmo trepidante, se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete á indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica.

Abraham Carreiro, 
Xoeliki (ed. Sotelo Blanco).
Xoeliki é un neno de once anos introvertido e tímido. Xoga aos vídeoxogos on-line e bota horas chateando na Internet. Pasa moito tempo só porque a nai traballa todo o día e o pai morreu hai uns anos. A vida de Xoeliki é moi rutineira, xira arredor da casa e do colexio, ata que un día ocorre un feito misterioso que lla cambiará por completo: recibe un paquete sorpresa. Isto levarao a vivir novas aventuras, coñecer amigas e amigos como Ari, o sabio Barbabranca, o enigmático Maverick, Centulo -profesor de Programación e Desenvolvemento- e algún inimigo como Mr. Virus. Descubrirá cousas inimaxinables para el.



4ª CATEGORÍA (1º e 2º ESO):

Leticia Costas e Pere Tobaruela, 
Mortos de ningures (ed. Everest).
O sangue é vermello? Ata a aparición daquel cadáver a inspectora Nola sempre pensou que si. Na última semana, en Todures apareceron mortos seis inmigrantes procedentes de Ningures. Por que todos eran ningurenses? Cantas persoas máis ían morrer? Por que o sangue daquel cadáver era verde? Que se agochaba tras aquilo? Á inspectora Nola amólalle non dar contestado os interrogantes. Por iso se fixo investigadora: para non deixar ningunha pregunta voando no aire. Coa axuda do seu inseparable gato Lolo, Nola porá toda a súa vontade en resolver este enigmático caso. Pero isto non é garantía de éxito. Ás veces, malia os esforzos, malia o empeño, algúns casos non se dan resolto.

Agustín Fernández Paz, 
Fantasmas de luz (ed. Xerais).
Dende hai trinta e cinco anos, Damián traballa como operador de cabina no mellor cine da cidade. Cando recibe a noticia de que a sala vai desaparecer e que todos os empregados serán despedidos, a súa vida experimenta un cambio extraordinario que tamén afecta a Marga, a súa dona. Dun xeito progresivo, os seus corpos comezan a se volver transparentes, invisibles aos ollos das persoas que viven ao seu redor. 
Empregando recursos da novela fantástica e combinando o suspense cunha delicada melancolía, esta obra fálanos dun dos grandes dramas contemporáneos: o da exclusión e a invisibilidade á que se ve sometida unha parte da sociedade. Tamén quere ser unha homenaxe ao cine, tanto ás vellas salas que foron esmorecendo como ás grandes películas que, sen seren a vida mesma, "axudan a entendela e enchen de esperanza o corazón".


5ª CATEGORÍA (3º e 4 ESO / Bacharelato):

Carlos Laredo Verdejo, 
Lena e o lobishome (ed. Tambre).
Unha noite de verán, ao volver da verbena, Lena vive unha experiencia asombrosa, entre o soño e a fantasía, preto das ruínas do vello mosteiro oculto na fraga. Fraga e ruínas que agochan tamén unha lenda chea de misterios que a moza e as súas curmás tratan de descubrir. Existen as bruxas? Existen os lobishomes? Ninguén cre nesas cousas, pero cando ocorre a primeira desgraza, o medo apodérase da xente das aldeas veciñas e unha historia de paixóns e vinganzas xorde do fondo da memoria dos vellos, como xorden as sombras da cripta afundida debaixo do convento.

X. H. Rivadulla Corcón, 
O noso amor será eterno (ed. Xerais).
O trobador Buserán tiña dezaoito anos, era home forte, de mirada chea de nobreza. A súa amada, Frolinda, tiña 16, posuía unha beleza que estremecía os seres sensibles e o seu corazón estaba enchido de bondade e xenerosidade. Sentiron que querían estar abrazados, cada un habitar nos brazos do outro, comprenderon que nada na vida tería sentido se non a vivían xuntos, xuraron que seguirían unidos, pasase o que pasase. Buserán prometeulle que a forza do seu amor non sería inútil e Frolinda aseguroulle que o seu amor sería eterno. Rocío e Ramón, veciños da mariñeira vila de Muxía, ese mascarón de proa da vella Europa, coñecerán no cantil da furna Buserana a fermosa pero tráxica historia de amor eterno entre aquel trobador e a súa namorada.

6ª CATEGORÍA (Adultos):

Manuel Rivas, 
Todo é silencio (ed. Xerais).
Esta obra narra o irresistible ascenso social de Mariscal, un capo contrabandista, e das almas que habitan Noitía, o universo que domina ao seu antollo. En Noitía, na costa atlántica, houbo un tempo en que as redes do contrabando, reconvertidas ao narcotráfico, acadaron tanto poder que estiveron moi preto de controlar o poder social e as institucións. 
Nesta novela nárrase tamén a vida dun grupo de amigos, aos que une dende a infancia o andar ás crebas, á procura de restos de naufraxios, no escenario sempre sorprendente do mar de Galicia. Ese mar que fala cos signos que deita na beira. Dende moi pronto, o destino da xente nova estará determinado pola sombra odiosa e engaiolante a un tempo do omnipresente Mariscal.
Unha obra que relata como os círculos do crime rodean e corrompen, non sempre con éxito, o estraño feitizo da condición humana.


Antón Riveiro Coello, 
Laura no deserto (ed. Galaxia).
Compostela, Barcelona, Europa durante a Segunda Guerra Mundial, Nova York a fins do século XX, son os escenarios dunha obra narrativa que ergue un sólido universo e entra na alma dos personaxes para nos falar cunha voz intensa sobre a identidade, a culpa, o amor ou a liberdade.
A novela iníciase na primavera de 1982 en Barcelona co achado dunha carta e vai espallando a súa trama por Compostela, Nova York e a Pobra do Caramiñal. O autor consegue artellar unha novela na que aventura vital, epopea social e interese narrativo se xuntan. As historias de Diana, que na Barcelona de 1982 atopa unha carta onde se descobre un pasado familiar ata daquela agochado; a dos últimos días da vida dun intelectual en Compostela, que lega ao seu fillo un enigma aínda non resolto; os intentos de Bob, un fotógrafo retirado de Brooklyn, por salvar a Bernie, un amigo que probou o suicidio, e a historia do destino ignoto dunha muller que se debate por conservar os últimos gromos de memoria. Unha trama na que a resolución das liñas narrativas lle pide tamén ao lector ou lectora un posicionamento perante o narrado que o ha implicar ineludiblemente na novela.

27 de set. de 2012

VOLVEMOS... E "A FUME DE CAROZO"



Si! A partir do próximo 2 de outubro, cada martes de 17:00 a 18:00 h., e ata maio, volvemos a estar circulando polas ondas co noso programa de radio "AF/DC: A FUME DE CAROZO"
Ao longo dos diferentes programas que realizaremos durante este curso, alumnos e profesores de Educación Primaria, Secundaria e Bacharelato quentarán os vosos oídos con cousas moi interesantes sobre temas moi diversos: novas do noso centro, entrevistas, lectura de poemas e relatos, teatro radiofónico, música.. 
Se queredes participar, poñédevos en contacto con algún dos membros do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do colexio e, se queredes escoitarnos, non tedes máis que sintonizar CUAC FM, no 103.4 ou na páxina www.cuacfm.org.
É máis, se vos perdestes algún programa ou queredes volver a escoitalo, picade neste blog na columna da esquerda en "Blogs e Páxinas de interese", onde pon "Programa de radio A fume de Carozo". Aí atoparedes todos os programas emitidos dende o 5 de maio de 2009.
Para todos vós... Axiña comezamos... e A FUME DE CAROZO!!!


15 de set. de 2012

5 MOTIVOS PARA LER POESÍA (por Fran Alonso)

1. A poesía non morde, non fai dano e, aínda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, nin romanticona, nin cursi, nin difícil. E hai moitos tipos de poesía para que elixamos.

2. A poesía serve para ler, cantar, berrar, recitar, rapear, musicar, declararse, rebelarse contra o mundo ou unicamente para falar suave á orella. Tamén é un somnífero para durmir ben, unha pastilla sen química que mellora a saúde e o benestar, e relaxa as persoas. E serve, sobre todo, para explicar as razóns e as emocións que non veñen no dicionario.

3. Os poemas son como caixas de ferramentas, valen para todo: para sentilos, manosealos, lelos, cheiralos, gardalos nun armario, ensucialos, para ligar, para poñelos enriba da cabeza, penduralos na parede, limpalos, recortalos, reescribilos, merendalos nun bocadillo de papel, ordenalos, metelos na neveira e lelos coa cabeza máis fría, ou deixalos sobre a cama para devoralos á noite, clandestinamente, cando todos se deitaron. Ademais, a poesía cura enfermidades como a impaciencia, os nervios, os pés planos, os enfados, a dor de cabeza, as feridas imprevistas, as dores de amor, as indixestións, a ansiedade e algunhas gripes.

4. A poesía está nas cousas que nos rodean a diario, na música, na amizade, no supermercado, na risa, na moto, no váter, na esperanza, na rutina, nas cousas persoais, no calexón sen saída, no mar contaminado, na tristura, no teu barrio, no ceo cuberto, no ordenador, nun berro, na paisaxe, na conversa e nas rúas. Onde ti queiras.

5. O importante da poesía non é obsesionarse con descifrala senón saber gozala, sentila e intuíla. Na poesía reconforta sentir o seu ritmo, a súa música, a súa sonoridade, os xogos de palabras que por veces nos deslumbran, as imaxes fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Poetizarse. En definitiva, facer da poesía un pracer.

12 de set. de 2012

BENVIDA!!!


Un saúdo a todos!
Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz - PP. Escolapios da Coruña queremos darvos a benvida a este novo curso 2012/2013 e convidarvos a visitar o noso novo blog "Lingua para amar", onde poderedes atopar novas interesantes relacionadas coa dinamización da lingua galega, un recuncho creativo cos poemas, relatos, cantigas... que vaiades elaborando nas aulas, e recursos lingüísticos, literarios, culturais, musicais, audiovisuais... aos que poderedes acceder para traballar na nosa lingua.
Ánimo! Bo curso!