BACHARELATO

LIBRO DE LECTURA - 1ºBacharelato - 2ªAvaliación

Ollos de auga, de Domingo Villar


Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que compaxina o seu traballo na comisaría cun consultorio radiofónico. O caso desenvólvese entre o ambiente cálido e nocturno dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada dos círculos da alta burguesía viguesa.  

LIBRO DE LECTURA - 1ºBacharelato - 1ªAvaliación

Os vellos non deben de namorarse é unha das pezas máis populares do teatro galego. A obra foi escrita "para regalía do pobo galego" por Castelao, na cidade de Nova York, como remedio para "matar as horas de morriña". En verbas do autor, esta obra foi froito da combinación de dúas sensibilidades: a literaria e, tamén, a imaxinación plástica do pintor.
Castelao escribiu primeiramente o terceiro lance contando, coma nos outros dous, a historia dun vello que se namora dunha moza. Os personaxes son personaxes-tipo, equivalentes, aínda que de diferente extracción social, que compoñen historias pechadas e xustapostas. Ao final da obra, un epílogo reúne os tres vellos mortos no cemiterio, para que eles nos conten o propósito da farsa. 
A obra é unha excelente mostra das ideas e das capacidades teatrais de Castelao, que logrou plasmar nesta peza un mundo escénico no que a tradición popular galega avivece en contacto coas tendencias renovadoras do teatro europeo. 


LIBROS DE LECTURA - 2º Bacharelato - 1ª Avaliación

Afonso D. Rodríguez Castelao, Os dous de sempre


Esta novela publicada por primeira vez en 1934 converteuse, dende a súa recuperación por Galaxia en 1967, nun dos libros preferidos polos lectores, que fixeron del unha das obras de máis difusión de toda a historia da literatura galega. É a historia de dous tipos universais, Pedriño e Rañolas, que encarnan dúas maneiras de ser de sempre. O primeiro, que ve o mundo dende a perspectiva da ra, sería quen de comer o seu pai polos pés. O segundo, que se fose rico andaría nun cabalo branco, ve o mundo dende a perspectiva alta do paxaro.

 
Álvaro Cunqueiro, Merlín e familia


Publicada en 1955, esta é a novela coa que Cunqueiro comezou a súa obra narrativa logo de escribir varios libros de poemas. A historia dun Merlín xa vello e refuxiado nas terras da Miranda luguesa chega ao lector a través do relato dunha testemuña directa, o paxe Felipe de Amancia, que lembra os tempos nos que traballou como criado do mago. A historia desenvólvese cunha permanente tensión entre o marabilloso e o cotián; pola casa de Merlín pasan numerosos e curiosos personaxes na procura de consello, mais tamén se narran as aventuras de Felipe cando vai facer os encargos do seu amo. Un universo único na literatura xorde nas fascinantes e engaioladoras historias que conta esta novela, que dende o momento da súa publicación supuxo un fito no tocante á renovación da narrativa galega. En Cunqueiro, a arte do narrador, adobiada dun fino sesgo humorístico, sorprende pola capacidade para facer convivir o mito co mundo cotián.


Ánxel Fole, Á lus do candil. Contos a carón do lume.


Publicada no 1953, esta obra é unha colección de quince relatos nos que a imaxinación e o humor xogan un papel importante á hora de desenvolver as sorprendentes historias de misterio que xorden da vida cotiá. Coma os contos que se comparten ao carón da lareira, as narracións de Fole conservan toda a frescura e espontaneidade, toda a graza e lixeireza que moitos autores consideran como unhas das virtudes fundamentais das obras literarias. Este libro foi unha contribución esencial ao rexurdimento da narrativa galega de posguerra. A descuberta dun mundo máxico que se confunde co real, onde por tras das aparencias xorden historias insospeitadas, contos de aparecidos, de lobos, de premonicións e soños fantásticos... Un libro que hoxe continúa a ofrecer aos lectores toda a intensidade e toda a forza de seducción da gran literatura.

 
Eduardo Blanco Amor, A esmorga


É a novela máis popular e lida deste autor. Tivo que publicarse por vez primeira en Bos Aires ante a negativa da censura franquista a permitir que circulasen libremente as traxicómicas peripecias do Cibrán, o Bocas e o Milhomes nunha noite de bebedela polos arredores de Auria, a cidade literaria coa que Blanco Amor reelaborou dende a distancia o seu Ourense natal. É unha novela na que acadan especial brillo as virtudes do autor como escritor. A súa sorprendente potencia lingüística ponse neste relato ao servizo da narración duns feitos que desembocan en traxedia e que metaforizan un mundo sórdido e miserento do que non están exentos a imaxinación, a fantasía e o devezo dunha vida fermosa e mellor.

Ramón Otero Pedrayo, Arredor de si


Publicada en 1930, cando o seu autor tiña 42 anos, pódese considerar a biografía espiritual dos homes da Xeración Nós. O seu protagonista, Adrián Solovio, é un dos personaxes que xa figuran no patrimonio literario galego. A súa historia é a da procura da identidade, a da descuberta do que representa Galiza como realidade con carácter e existencia de seu. Rexa, ben construída, cunha prosa efectiva que transmite ao lector unha gran capacidade para visualizar a narración a través dun estilo directo, de frase curta, esta obra conseguiu situar a novela galega na vangarda da época.

Vicente Risco, O porco de pé


Publicada en 1928, é unha das obras máis emblemáticas e importantes da narrativa galega. O protagonista, un comerciante chamado Celidonio Latas Tinajero, consegue ir ascendendo na escala social ata chegar a alcalde da vila de Oria, trasunto da Ourense natal de Risco. Á zafiedade e ignorancia deste comerciante, opónselle a personalidade do doutor Alveiros, representante da vida intelectual. Na súa obra, Risco satiriza o gregarismo e a vulgaridade, a sociedade burguesa, a hipocrisía dos políticos e a homoxeneización das ideas.




COMENTARIOS DE TEXTO - 2º BACHARELATO

Fernando Ónega, "Volkswagen e a intelixencia para o mal" (24/09/2015)
Carlos Arias, "Na pel de Galicia" (13/09/2014)
Francisco Castro, "44.000 fracasos" (16/08/2014)
Mercedes Queixas, "Abecedario" (31/12/2012)
Manuel Mera, "A vida é unha merda, amigo" (31/12/2012)
Francisco Castro, "Internet e a liberdade" (29/12/2012)
Luísa González, "Nos nosos corpos mandamos nós!" (23/12/2012)
Francisco Castro, "Eses nen@s que non cumpren anos" (08/12/12)
Xosé A. Gaciño, "Bandazo educativo a estribor con remate centralista" (08/12/12)
Mónica Bar Cendón, "Coidadoras" (06/12/12)
Jorge Castro Ruso, "Emigrantes aventureiros" (06/12/12)
Mariña Pérez, "Plásticos" (05/12/12)
Roberto L. Blanco Valdés, "O bus de Mónica como metáfora de España" (18/11/2012)
Rubén Pérez, "A resposta verde á tauromaquia" (17/11/2012)
Miquel Molina, "A culpa é da festa?" (07/11/2012)
Manuel Dourado Deira, "España, paraíso de los "ninis"" (14/09/2012)
O Leo, "Non hai collóns nin ovarios a falar 5 min sen facer un tropo" (08/08/2012)
Xaquín Campo Freire, "O Códice Calixtino e a lingua galega 1" (07/07/2012)
Rosa Enríquez, "Novas Tecnoloxías" (21/06/2012)
Francisco Castro, "Non pasa nada" (17/06/2012)
Mercedes Queixas, "Torre de Hércules. Patrimonio de ninguén?" (08/06"1012)
Alfredo López, "Os modernos baleeiros de Galiza" (10/05/2012)
Xoán Costa, "Reducir, recortar, revisar, reformar. Catro RRRR para o fracaso" (08/05/2012)
Mónica Bar Cendón, "Cremas" (05/05/2012)
Francisco Castro, "Isto só se amaña con amor" (28/04/2012)
Ana Pontón, "Ideas que matan" (26/04/2012)
Diana Varela Puñal, "Modelos de conduta" (08/03/2012)



1º BACHARELATO
CANTIGAS GALEGO-PORTUGUESAS MEDIEVAIS


Paio Gomez Charinho, "As flores do meu amigo"


Meendinho, "Sedíam'eu na ermida de San Simón"



Martín Codax, "Ondas do mar de Vigo"


Airas Núnez, "Bailemos nós ja todas tres, ai amigas"


Pero Meogo, "Fostes filha, eno bailar..."


   

LIBROS DE LECTURA - 2ºBacharelato - 2ª Avaliación

Antón Riveiro Coello, As rulas de Bakunin.

Esta obra nace do gromo da sensibilidade dos derrotados e os perdedores. Antón Riveiro Coello, un dos escritores galegos actuais de meirande pulo narrativo, fai con esta novela un acto restitutorio e tamén de rebeldía. Recuperar a memoria dos heroes silenciosos que loitaron pola liberdade: velaquí a vida de Camilo Sabio Doldán, un vello anarquista case centenario que viviu a guerra, o cárcere e o exilio. O temor intenso das paisaxes do pasado nunha novela que conmove e impresiona.

Gonzalo Navaza, Erros e Tánatos.

Esta obra componse dun conxunto de dez relatos nos que Gonzalo Navaza demostra unha gran soltura no manexo das técnicas narrativas a partir dunha prosa breve, limpa, directa, chea de sentido do humor, que sorprende ao lector coa súa capacidade para ironizar, para crear intriga e para sorprender. 
É un libro magnífico que, con moita claridade narrativa, atrapa ao lector coas súas boas historias, historias e acontecementos que se suceden medrando e creando unha gran tensión narrativa que remata nun final sorprendente, un final que explora os territorios do Tánatos por culpa dos Erros do azar. 
Partindo dunha forma clásica de narrar, Gonzalo Navaza escribiu un libro que divirte, que seduce; é o libro dun narrador eficiente que, sen lugar a dúbidas, constrúe unha obra notable.   

Manuel Rivas, O lapis do carpinteiro.

É unha historia de amor, melancolía e liberdade. Un grande amor en tempo de guerra e posguerra que chega aos nosos días entre Marisa Mallo, unha fermosa moza de Fronteira, filla dunha familia reaccionaria e o médico republicano Daniel Da Barca, posuidor da beleza tísica e seguidor da teoría da realidade intelixente do doutor Nóvoa Santos. Fronte a eles a mirada escrutadora dun home que non tiña medo, Herbal, o garda da cadea da Falcona que verá restaurada a súa condición de ser humano por obra e graza de tantas formas de amor como o lapis do carpinteiro lle foi ensinando a debuxar. 
É o testemuño dunha traxedia curativa, unha metáfora de todas as guerras, unha loita contra o esquecemento que demostra o poder salvífico do amor. Esta excepcional novela ficará no lector gravada coma un engrama, coma o sulco dunha cicatriz que rescata o mellor da nosa memoria.

Rosa Aneiros, Resistencia.

A obra percorre a historia política e social de Portugal, a través da vida de personaxes pertencentes a varias xeracións, desde os anos vinte ata os anos noventa do século XX. Mercé ao relato, a través dunha voz narrativa omnisciente, preferentemente presentada en terceira persoa, que protagonizan os personaxes principais -Dinís e Filipa- artéllase un percorrido centrado na represión exercida en Portugal durante as ditaduras de Salazar e Marcelo Caetano e na actividade da resistencia clandestina antifascista; un pano de fondo fundamental entretecido co relato dun bo número de historias de amor, entre as que salientan a de Dinís -un obreiro da fábrica de vidro Irmáns Stephen- e Filipa -filla dun rico comerciante de Coímbra-. Dinís e Filipa namoran perdidamente sen calibrar as consecuencias. O Pinhal do Rei, no oeste portugués, converteuse no testemuño da vida. Pero ninguén pode escapar aos designios do tempo e a vida dos amantes viuse marcada polas adversas circunstancias políticas que desangraron Portugal ata a Revolución dos Caraveis. Para os protagonistas a militancia política non foi unha opción senón unha esixencia e tiveron que pelexar contra a miseria e contra os seus propios sentimentos. E loitaron desesperadamente coa única arma da que dispuñan: a resistencia. 
É unha novela de amores afastados na que todo o move o amor, que case sempre nace inocente e que axiña se vai tornando complexo e difícil. Unha novela memorable que se move entre a exaltación da resistencia política exercida por algúns personaxes e o amor entendido como algo cruel que converte as persoas en escravas. Novela apaixonante, escrita co ímpeto da vida, difícil de esquecer. 
É toda unha singradura a  través da historia portuguesa da man de dúas familias maldicidas pola escravitude do amor, a morte e o silencio.  

Suso de Toro, Trece badaladas.

Unha escritora ten dificultades para entrevistarse co director dunha produtora de cine e coñecer a súa opinión sobre un guión que lle presentara. Cando finalmente o consegue, averigua que o seu texto nunca lle fora entregado ao produtor, quen identificará no argumento daquela historia de sombras unha ameaza que lle resulta moi próxima á súa vida. A investigación dese enigma inquedante unirá aos mozos nun abrazo dramático, nunha historia de dous amantes sen esperanza.
Esta obra é un relato que arrinca dun acto de rebelión moi afastado no tempo, da cifra máxica por excelencia: a do destino maldito do rebelde. Unha novela froito da destilación do traballo literario de case unha década. Unha obra de intriga, que nos remite a un tempo de misterio, cando a xente cría no sobrenatural: a morte que axexa, o meigo resucitado que desafía ao Apóstolo, a Berenguela que anuncia a hora do demo... Unha indagación sobre a memoria dunha cidade que é un labirinto hermético sobre un mar de pedra: o enfrontamento entre o ben e o mal, o mito do sepulcro que alumou dende séculos a toda Europa. Un paseo, tamén, polos dilemas e as procuras de espiritualidade. Unha narración concibida como forma de coñecemento. Unha inmensa novela, abovedada de misterio, construída ao xeito de traxedia como unha rexa catedral románica.

Xosé Luís Méndez Ferrín, Retorno a Tagen Ata.     

O autor creou nesta obra unha xeografía imaxinaria -Anatí, Tagen Ata, Terra Ancha- co obxecto de aproximarse poética e fantasticamente a certas tensións que se producen a finais dos anos 60 entre o nacionalismo galego do exilio-emigración en América e o do interior, e mais as relacións de conflito entre o Estado español e a nación asoballada.





SOCIOLINGÜÍSTICA - TEMA 3 - 2ºBACHARELATO

No tema 3, que estivemos a ver estes últimos días en clase, tratouse o tema das linguas minorizadas e das linguas minoritarias, así como o proceso de normalización que están a seguir algunhas delas, como é o caso do galego, para poder sobrevivir.
Velaquí un vídeo ilustrativo da situación sociolingüística actual galega e do futuro da lingua.

  


LIBROS DE LECTURA - 2º Bacharelato - 3ª Avaliación

Dolores Redondo, O gardián invisible


A autora, navarra de ascendencia galega, constrúe nesta obra, a súa segunda novela, un thriller orixinalísimo onde se mestura a investigación policial e científica co suspense e coa mitoloxía das lendas navarras. A inspectora Amaia Salazar, da Policía Foral, investiga o asasinato dunha adolescente que aparece morta e coas roupas esgazadas no medio dunha mesta fraga. O asasino colocou os zapatos da vítima como sinatura da súa identidade e a investigación acaba por conducir á inspectora a Elizondo, a súa vila natal, onde se ve obrigada a se enfrontar ao seu pasado. 
Unha novela vibrante, que deixa sen alento a quen a le. 
 

Domingo Villar, A praia dos afogados



A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime entre homes e mulleres que recean de desvelar as súas sospeitas e que, cando deciden falar, apuntan nunha dirección insólita de máis. Un caso difícil para Caldas, que pasa malos momentos: o único irmán do seu pai está enfermo de gravidade e a súa colaboración no programa radiofónico de Onda Vigo estase volvendo cada vez máis inaturable. Tampouco non facilita as cousas o carácter arroutado de Rafael Estévez, o seu axudante aragonés, que non se dá adaptado á retranca e os sobreentendidos dos galegos.
Domingo Villar volve introducir o lector nunha intriga sen acougo. Unha pescuda policial que, nesta segunda novela protagonizada polo inspector Leo Caldas, tamén é unha esculca na memoria e nas ilusións fanadas.


Manuel Rivas, Todo é silencio


Esta obra narra o irresistíbel ascenso social de Mariscal, un capo contrabandista, e das almas que habitan Noitía, o universo que domina ao seu antollo. En Noitía, na costa atlántica, houbo un tempo en que as redes do contrabando, reconvertidas ao narcotráfico, acadaron tanto poder que estiveron moi preto de controlar o poder social e as institucións. Esta novela narra tamén a vida dun grupo de amigos, aos que une dende a infancia o andar ás crebas, á procura de restos de naufraxios, no escenario sempre sorprendente do mar de Galicia. Ese mar que fala cos signos que deita na beira. Dende moi pronto, o destino da xente nova estará determinado pola sombra odiosa e engaiolante a un tempo do omnipresente Mariscal.


Unha novela que relata como os círculos do crime rodean e corrompen, non sempre con éxito, o estraño feitizo da condición humana.


Pedro Feijoo, Os fillos do mar


Simón Varela é un mediocre arquitecto residente en Vigo. Un día recibe unha chamada dunha señora da alta sociedade viguesa, Isabel Llobet, para que lle faga unha reforma nunha fonte da súa propiedade, nun pazo de Canido. Aos poucos días de comezar a reforma, Simón atopa un cofre pechado. Simultaneamente, a señora, xa maior, morre en estrañas circunstancias. A partir de aquí, o arquitecto vese involucrado nunha intrigante trama na que tamén parece estar envolta a familia da muller morta. 

 
Novela de aventuras, novela de intriga, escrita con ton humorístico, a acción condúcenos detalladamente a través do Vigo de hoxe, cidade que en boa medida protagoniza tamén a novela. Ao tempo, a trama cóbrese cun atractivo pano histórico que nos conduce ata 1702, na Batalla de Rande, aínda que deixa tamén os seus elos na Guerra Civil española e nos tempos do nazismo alemán. É unha novela trepidante, que viaxa constantemente no tempo para atopar as claves dun presente que o protagonista precisa desvelar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario