19 de mar. de 2013

CONCURSO DE CURTAMETRAXES "REC-CURTA"

BASES DO CONCURSO DE CURTAMETRAXES "REC-CURTA", organizado por Escolas Católicas de Galicia:

1. Poderán participar todos os alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato de todos os colexios pertencentes a FEREGA-CECA.

2. Poderase presentar unha curtametraxe cunha duración máxima de 20 minutos (títulos de crédito inclusive) realizada durante o curso 2012/2013.

3. Haberá dúas categorías:
     - 1ª categoría: para 1º, 2º e 3º de ESO
     - 2ª categoría: para 4º de ESO e Bacharelato

4. As curtametraxes poderán ser orixinais ou adaptacións de filmes xa estreados. Só se admitirán a concurso curtas de ficción.

5. Cada centro poderá presentar un número máximo de 3 películas.

6. As curtametraxes a concurso deberán estar realizadas e subtituladas (se fose necesario) en lingua galega.

7. As películas deberán ser presentadas en CD ou DVD en formato MPEG.

8. Os filmes deberán entregarse ao responsable do departamento de Dinamización Lingüística do seu centro, para que os remita a FEREGA-CECA (Rúa Santa Clara, nº 23, Santiago de Compostela) antes do 10 de maio de 2013.

Acompañando a película irá un folio que inclúa a sinopse da película, o equipo técnico (actores, realizadores, música, etc.) e o colexio ao que pertencen. Este folio irá selado polo centro.

Xunto co anterior deberase achegar un documento asinado polo nai-pai-titor/a dos menores participantes nas películas, autorizando a utilizar a imaxe dos seus fillos/as nas películas presentadas.

9. Estableceranse os seguintes premios para cada unha das categorías:
     - Mellor actor
     - Mellor actriz
     - Mellor vestiario e maquillaxe
     - Mellores efectos especiais
     - Mellor música
     - Mellor guión
     - Mellor realización (dirección, montaxe, etc.)
     - Mellor película

Cada un deles será premiado con 100 euros, agás o de mellor película, que recibirá 150 euros e un trofeo ou diploma conmemorativo.

O xurado resérvase o dereito de poder deixar algún premio deserto.

10. O xurado do premio estará composto por profesores vinculados aos EDL dos centros concertados. A lista dos nomeados en cada categoría e a entrega dos premios terá lugar no mes de xuño.

11. A participación no concurso "Rec-Curta" supón a total aceptación destas bases.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario