2.
 A poesía serve para ler, cantar, berrar, recitar, rapear, musicar, 
declararse, rebelarse contra o mundo ou unicamente para falar suave á 
orella. Tamén é un somnífero para durmir ben, unha pastilla sen química 
que mellora a saúde e o benestar, e relaxa as persoas. E serve, sobre 
todo, para explicar as razóns e as emocións que non veñen no dicionario.
3.
 Os poemas son como caixas de ferramentas, valen para todo: para 
sentilos, manosealos, lelos, cheiralos, gardalos nun armario, 
ensucialos, para ligar, para poñelos enriba da cabeza, penduralos na 
parede, limpalos, recortalos, reescribilos, merendalos nun bocadillo de 
papel, ordenalos, metelos na neveira e lelos coa cabeza máis fría, ou 
deixalos sobre a cama para devoralos á noite, clandestinamente, cando 
todos se deitaron. Ademais, a poesía cura enfermidades como a 
impaciencia, os nervios, os pés planos, os enfados, a dor de cabeza, as 
feridas imprevistas, as dores de amor, as indixestións, a ansiedade e 
algunhas gripes.
4.
 A poesía está nas cousas que nos rodean a diario, na música, na 
amizade, no supermercado, na risa, na moto, no váter, na esperanza, na 
rutina, nas cousas persoais, no calexón sen saída, no mar contaminado, 
na tristura, no teu barrio, no ceo cuberto, no ordenador, nun berro, na 
paisaxe, na conversa e nas rúas. Onde ti queiras.
5.
 O importante da poesía non é obsesionarse con descifrala senón saber 
gozala, sentila e intuíla. Na poesía reconforta sentir o seu ritmo, a 
súa música, a súa sonoridade, os xogos de palabras que por veces nos 
deslumbran, as imaxes fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus 
enigmas. Poetizarse. En definitiva, facer da poesía un pracer.

 
Ningún comentario:
Publicar un comentario