Mulleres na historia da Galiza

XOANA A BELTRANEXA
"A Excelente Senhora, a raíña sen reino"

En Portugal, Xoana "A Beltranexa" escribía no último terzo do século XV no seu diario: "As tropas do meu pai vencen ao exército que penetrou nas nosas terras. Todo é miseria, mortes, pranto... Vivo baixo a penumbra, a miña vida é un fracaso e o pasado inflúe constantemente no desenvolvemento das miñas actividades. Síntome inservible nesta vida... Son un ser humano ao que non lle latexa o corazón".
Estas semellan ser as palabras dunha muller feble, atormentada polas circunstancias... Non obstante, son as palabras dunha muller forte e decidida, que viu marcados a súa vida e o seu destino por distintos acontecementos históricos.
Xoana de Castela, máis coñecida polo alcume de "A Beltranexa", nada en 1462 e finada en Lisboa en 1530, foi unha raíña sen reino, tratada desprezativamente polos seus detractores casteláns pero recoñecida polos portugueses como "A Excelente Senhora".
Era neta do rei D. Duarte e filla da princesa Xoana de Portugal, casada co rei Henrique IV de Castela. Este rei tiña sona de ser impotente, polo que na corte castelá se urdiu a trama de que Xoana non podía ser filla do rei, senón froito dos amores adúlteros entre súa nai e o nobre D. Beltrán de La Cueva.
Xoana pasou a considerarse ilexítima polos grandes de Castela, que non recoñeceron a súa filiación rexia e que a alcumaron co deshonroso título de "A Beltranexa", en referencia ao seu suposto pai.
Este feito fixo que Henrique IV solicitara o divorcio da súa muller, á que repudiou, e esta regresou a Portugal, aínda que a súa filla Xoana permaneceu en Castela.
Henrique IV tiña esta única filla e obrigou aos nobres casteláns a que lle xuraran fidelidade á princesa e a recoñeceran como herdeira baixo o título de "Princesa de Asturias". Non obstante, anos despois, presionado pola nobreza, delegou a sucesión no seu irmán Afonso, que faleceu moi pronto, e viuse forzado a escoller como sucesora á súa media irmá Isabel, coa condición de que esta aceptase o casamento que o rei lle propuxer.
Isabel casou en secreto con Fernando, herdeiro da Coroa de Aragón, contra a vontade de Henrique. Este considerou anulado o acordo que establecera con Isabel, e declarou a Xoana como a súa única lexítima herdeira e intentou procurarlle un bo marido. Xoana rematou prometida en casamento co seu tío, o rei Afonso V de Portugal.
Don Afonso xurou defender os seus dereitos e os da súa esposa Xoana ao trono de Castela. Xorden así dúas faccións: unha, que apoiará a Isabel e a unión dinástica de Castela con Aragón (a maioría da nobreza laica e eclesiástica); e outra, que apoiará a Xoana e a unión de Castela con Portugal (nobres laicos galegos e a coroa portuguesa).
Defendendo o proxecto de Henrique IV, Afonso casou con Xoana e invadiu Castela para defender os seus intereses. A batalla coas forzas contrarias trabouse en Toro, nas proximidades de Zamora, e tivo un resultado militar non conclusivo e unha desfeita política non favorable para ambos.
Vencidos por Isabel e Fernando na batalla de Toro, Xoana foise co rei portugués para Abrantes. Este intentou buscar unha alianza e apoio en Luís XI de Francia, pero axiña quedou demostrado o fracaso da súa tentativa. Sentíndose enganado, Afonso acabou por abdicar das súas ambicións, no seu nome e no da súa esposa Xoana (coa cal non chegara sequera a consumar o matrimonio), nun tratado asinado en 1479 cos Reis Católicos. Remata así a guerra de sucesión en Castela.
Xoana renunciou á coroa castelá, prometeu que só podería casar co fillo dos Reis Católicos e, no caso de non aceptar, entraría monxa profesa nun convento. Así, despois de que o Papa Sixto IV disolvera o seu casamento con Afonso, os Reis Católicos procuraron consorciar a Xoana co seu filló Xoán de Aragón. Ela negouse a casar co seu curmán, posto que consideraba vexatorio, para a súa posición de herdeira natural, ter que casar co herdeiro de quen lle roubara o trono. Abandonou as súas reclamacións e retirouse ao mosteiro de Santa Clara en Santarém.
Propuxéronselle outros casamentos que, por diferentes causas, non chegaron a realizarse, ata que tras a morte da raíña Isabel, o seu viúvo propúxolle casamento e a restauración dos seus títulos, para afastar ao seu xenro, Filipe, da condución do goberno de Castela, onde actuaba como rexente no nome da súa muller que comezaba a amosar sinais de loucura. Por suposto, "A Excelente Senhora" rexeitou aceptar como esposo a aquel que a declarara no pasado filla adulterina de Xoana de Portugal e de Don Beltrán de La Cueva. 
En 1530, por escritura pública, Xoana renunciou definitivamente aos dereitos a Castela, viviu en Portugal até a súa morte, mais en canto viviu constituíu para a Coroa de Castela un obstáculo permanente e un argumento de peso para a política portuguesa con España. De aí o título que se lle concedeu de "A Excelente Senhora", xa que o de "infanta" sería indecoroso para coa súa persoa e o de "raíña" podía resultar insultante para as relacións con Castela. Ademais, a este alcume contribuiría a vida levada por Xoana nos últimos anos, dedicada á devoción a Deus, á práctica da caridade e de apoio aos desfavorecidos.
Con todo, a "raíña", ingresada nun convento, asinou sempre, até a súa morte, como "Yo, la reina"



MARÍA BALTEIRA
"A soldadeira"

María Balteira foi unha muller galega que viviu na Idade Media. O seu nome real era María Pérez e foi a "soldadeira" máis famosa do noso medievo.
As soldadeiras forman parte da tradición lírica medieval galego-portuguesa. Eran mulleres que estaban adscritas á corte, e que tiñan como oficio cantar e bailar ante reis, nobres e cortesáns (elas bailaban mentres que os xograres cantaban, nalgunhas ocasións tamén cantaban e até tocaban algún instrumento acompañando a execución das cantigas). Por este traballo recibían unha "soldada", de aí o nome de "soldadeiras".
Sábese que María Balteira naceu en Betanzos, probablemente na localidade de Armea, e que frecuentou as cortes de Fernando III e Afonso X o Sabio, ata o punto de que este último rei lle dedicou unha cantiga. Era fidalga, posuía bens propios e, non obstante, escolleu un oficio que se atopaba próximo ao da prostitución. Non quixo matrimonio nin convento, e preferiu ser soldadeira.
As súas ansias de liberdade e os prexuízos propios dos tempos nos que lle tocou vivir fixeron que nalgunhas crónicas e en varias cantigas de escarnio e maldicir, a maioría autoría de trobadores e xograres betanceiros coma ela (Pero d'Ambroa, Pedr'Amigo de Sevilla...), apareza caracterizada como unha persoa que reunía todos os vicios condenables do momento e amiga de romper leis e costumes: supersticiosa, afeccionada ao xogo, trampulleira, ladroa, blasfema, promiscua, transmisora de doenzas venéreas... Con todo, tantas críticas e atención ao que ela dicía ou facía poden levarnos a pensar que se tratou dunha muller con certo peso na corte e na súa época.
A través desas cantigas descubrimos que María participou nunha cruzada (non se sabe con certeza se foi na que tivo lugar no 1248 ou na que iniciou Xaime I de Aragón en 1269), pero sobre todo coñecemos detalles do ritmo de vida que levaba.
Foi acollida nos ambientes literarios e cortesáns con agrado e, aínda que non sobreviviu ningunha nova do seu repertorio ou das súas cancións, sábese que foi a máis famosa e cotizada soldadeira, a súa beleza era extraordinaria, bailaba con gran mestría, compoñía e tocaba varios instrumentos.
Cansa, enferma e arrepentida pola súa vida de pecado, retirouse a Santiago de Compostela, aínda que non se sabe nada do lugar onde morreu nin onde está soterrada. Hai un diploma datado en 1257 que di que Dona María Pérez cede unha rica herdade de seu aos monxes cistercienses de Sobrado, en troques dunha renda vitalicia. Dona María debía facer servizo ao mosteiro e á súa morte os monxes levaríana a Sobrado nun ataúde cuberto por tres varas de tea fina vermella. Mais non se atopa ningunha referencia de se, andando os anos, se cumpriu ou non a devandita demanda.
Fica a dúbida sobre que datos das cantigas responden á súa auténtica biografía porque estas son un tópico literario nas que conflúen a sátira dos autores co ánimo de facer rir, lonxe dunha intención moralizadora. En todo caso, a visión que se nos ofrece responde ao imaxinario masculino da época, cheo de prexuízos machistas, abalando entre a veneración ás santas mulleres e o vituperio ás soldadeiras.
Mais a lenda desta muller traspasa os séculos e segue inspirando a autores e autoras dos nosos días que a ven, como di a autora galega Marica Campo, "como unha avanzada do carpe diem, leda e gozadora, e tamén como un ar de liberdades nas ríxidas normas coas que o sistema patriarcal marcou sempre o territorio feminino". Neles, María Balteira renace e elévase case até a categoría de heroína patria, constituíndo a excepción ou a punta do iceberg dun conxunto de mulleres ousadas? Pois Galicia conta con toda unha tradición artística feminina: as puellae cantoras, Rosalía de Castro...
Velaquí unha composición dedicada á súa figura na voz do grupo musical galego "A Quenlla", recollida no volume "As nosas cancións" (1998).     



Ningún comentario:

Publicar un comentario