25 de xan. de 2013

16º PROGRAMA DE RADIO "AF/DC: A FUME DE CAROZO"

O próximo martes, 29 de xaneiro, de 5 a 6 da tarde teredes nas ondas un novo programa de "A FUME DE CAROZO", conducido nesta ocasión por membros do Departamento de Acción Social do noso colexio que entrevistarán a persoal de ASCODI e Cruz Vermella, así como a dúas alumnas que forman parte do voluntariado no noso centro, Marián García e Laura Martínez.

Lembrade que para escoitar este programa, que se emite todos os martes de 17:00 a 18:00 h., tedes varias posibilidades:
- No 103.4 da FM na comarca da Coruña.
- En directo por Internet, na web da emisora: cuacfm.org, e picar no botón "En directo".
- En diferido, podedes escoitar todos os nosos programas xa emitidos, na web www.blogoteca.com/adfcblog.


18 de xan. de 2013

15º PROGRAMA DE RADIO "AF/DC: A FUME DE CAROZO"

O martes, 22 de xaneiro, teredes unha nova ocasión de escoitar o programa "A FUME DE CAROZO" que, cada martes, de 5 a 6 da tarde, alumnos e profesores do Colexio Calasanz - PP. Escolapios da Coruña fan chegar ás vosas casas a través do 103.4 de CuacFM.

Nesta ocasión, serán alumnos de 5º de Educación Primaria os que nos falen sobre a cidade de Santiago de Compostela, acompañándonos de cancións que tamén falan sobre ela.



Lembrade que para escoitar este programa, que se emite todos os martes de 17:00 a 18:00 h., tedes varias posibilidades:
- No 103.4 da FM na comarca da Coruña.
- En directo por Internet, na web da emisora: cuacfm.org, e picar no botón "En directo".
- En diferido, podedes escoitar todos os nosos programas xa emitidos, na web www.blogoteca.com/adfcblog.
 

15 de xan. de 2013

BASES "CONCURSO DE PORTADAS DO DICIONARIO VISUAL"

O motivo deste concurso é atopar a mellor portada para o Dicionario Visual que estamos construíndo desde hai dous cursos.
É unha actividade na que pode participar calquera alumno do centro, independentemente da súa idade.
Precisamos traballos orixinais e, sobre todo, feitos por vós.
A actividade é voluntaria e a persoa gañadora conseguirá que a súa portada sexa publicada no noso Dicionario.
O prazo para presentar as portadas será desde o día 8 de xaneiro ata o venres 1 de febreiro de 2013.
Quen realice a portada deberá entregala ao seu titor/a que lla remitirá a algún membro do EDLG.
Sorte a tod@s e a participar! 
    

PARA QUEN QUEIRA ESCRIBIR (por Francisco Castro)

Verás. Para escribir só necesitas amor, paixón e desexo. O mesmo para calquera outra cousa que queiras moito e facer ben na vida. Todo iso e unha desesperante e inesgotable enerxía para comerte o mundo, e levar permanentemente un furado no medio do peito que saibas que só o podes encher de palabras, de morfemas incendiarios, de sílabas que sexan beixos e subordinadas que sexan hipérboles de fereza e ganas de cambiar o mundo coas palabras. E se o que queres é ser escritor ou escritora debes entender que estás diante dun traballo xa non só difícil, senón terriblemente esixente, que che vai quitar calma no sono, tempo para o acougo, e sempre, sempre, con escasas garantías de recompensa. Dende logo, non debes entrar nisto polos cartos. O que importa non é publicar libros, senón ser escritor. E iso é unha actitude, unha ollada, unha maneira de ser e de estar e de andar polo mundo que de primeiras non ten moito que ver co diñeiro. Se dás vivido disto, parabéns. Mais a literatura nada ten que ver coa profesionalidade.
Se o que che prace é escribir, faino sempre dende a máis humilde das actitudes, cun respecto absoluto pola lingua, polas palabras, polos libros e, sobre todo, polos lector@s. Porque non é certo que un escriba só para si. No intre no que ceibamos as palabras sobre un folio ou na pantalla de calquera trebello, estamos buscando ao outr@, estamos xa inmersos no xogo da comunicación. 
A literatura é iso: un acto de comunicación. Eu escribo en soidade, ás escuras e descalzo. Ti estás léndome. Escribir vai disto. E cando eu leve moitos anos morto, quizais alguén abra un libro escrito por min ou chegue ata estas precisas liñas e, daquela, estarei falándolle, dende a outra banda da nada e do tempo, máis dunha vez.
Se o que che proe por dentro é dedicar a túa vida á literatura, adiante. Non sei de moitos oficios mellores.

12 de xan. de 2013

14º PROGRAMA DE RADIO "AF/DC: A FUME DE CAROZO"

O vindeiro martes, 15 de xaneiro, volveremos a ter a oportunidade de escoitar un novo programa de "A FUME DE CAROZO", de cinco a seis da tarde. Desta vez, será levado a cabo por membros do Departamento de Orientación do noso colexio e conducido por Lucía Pedrosa Martínez e Xoán Ánxel Fernández Otero.

O programa centrarase en "A diversidade no noso centro" e serán entrevistados: a Coordinadora do Departamento de Orientación, Elena Parada; a especialista en Pedagoxía Terapéutica do noso centro, Mónica Santiso; unha alumna de prácticas de integración, Sabela Quintás; a especialista de Audición e Linguaxe do colexio, Almudena Cotelo; e dous alumnos, Mateo e Manuel.

O programa estará adobiado por composicións de grupos galegos que homenaxean ao cantautor galego Andrés Dobarro, recollidas no disco "Manifesto Dobarrista", editado en 2007.

Lembrade que para escoitar este programa, que se emite todos os martes de 17:00 a 18:00 h., tedes varias posibilidades:
- No 103.4 da FM na comarca da Coruña.
- En directo por Internet, na web da emisora: cuacfm.org, e picar no botón "En directo".
- En diferido, podedes escoitar todos os nosos programas xa emitidos, na web www.blogoteca.com/adfcblog.

13º PROGRAMA DE RADIO "AF/DC: A FUME DE CAROZO"

O pasado martes, 8 de xaneiro, deste recén inaugurado ano 2013, tivemos a oportunidade de escoitar unha vez máis, de 5 a 6 da tarde, un novo programa de "A FUME DE CAROZO". Nesta ocasión, foi elaborado polo Departamento de Acción Social do noso colexio. Algúns dos seus membros estiveron a comentar os extraordinarios resultados da pasada campaña de Nadal, entrevistaron a unha representante de ASCODI e a outra de "Ledicia Cativa", unha ONG que se encarga de posibilitar que rapaces rusos da zona de Chernobyl poidan veranear en Galicia. 

 
Lembrade que para escoitar este programa, que se emite todos os martes de 17:00 a 18:00 h., tedes varias posibilidades:
- No 103.4 da FM na comarca da Coruña.
- En directo por Internet, na web da emisora: cuacfm.org, e picar no botón "En directo".
- En diferido, podedes escoitar todos os nosos programas xa emitidos, na web www.blogoteca.com/adfcblog.