28 de out. de 2012

SAMAÍN

A antiga festividade céltica do SAMAÍN descríbese como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, especialmente nas datas do 31 de outubro ao 1 de novembro, terían autorización para camiñar entre os vivos. Ábrense as portas entre este mundo e o alén, dándolle á xente a posibilidade de reunirse cos seus devanceiros mortos.

Na sección "E. PRIMARIA" atoparedes máis información sobre esta celebración cuns xogos para pasar o rato á espera de poder celebrala nestes próximos días no colexio.



VÍDEOCONTOS PARA OS MÁIS PEQUENOS

A Secretaría de Xeral de Política Lingüística  ofrece uns vídeocontos, desenvolvidos por OQO Editora, para gozar e traballar cos máis pequenos ou en familia, un material audiovisual moi valioso para dinamizar e fomentar o emprego do galego entre os máis novos e non tan novos. 

Se queredes ver e escoitar algún deles picade na sección "E. INFANTIL" deste blog que aparece na marxe esquerda. 

E se como profesionais do ensino quer
edes traballar con eles e utilizalos cos vosos alumnos, picade nos enlaces de propostas didácticas que aparecen debaixo de cada unha das curtas de animación.

26 de out. de 2012

5º PROGRAMA DE RADIO "AF/DC: A FUME DE CAROZO"

O martes, 30 de outubro, unha vez máis poderes escoitar o programa de radio realizado por membros do noso colexio, "A FUME DE CAROZO"
Nesta ocasión, o protagonismo recaerá no coordinador do Departamento de Acción Social, David García, na alumna de prácticas de Educación Social, Natalia Carreño, e en dúas alumnas de 1º de Bacharelato, Marián García e Laura Martínez.
Entrevistarán á psicóloga do IBS Padre Rubinos, a un alumno con necesidades educativas de Aspronaga e a Alba, unha alumna de Educación Social que traballou en cárceres e en México con nenos desfavorecidos.
O acompañamento musical será variado, con composicións de Carlos Bau, Ataque Escampe, Capitán Furilo, Yuno e Loretta Martin.

Lembrade que para escoitar este programa, que se emite todos os martes de 17:00 a 18:00 h., tedes varias posibilidades:
- No 103.4 da FM na comarca da Coruña.
- En directo por Internet, na web da emisora: cuacfm.org, e picar no botón "En directo".
- En diferido, podedes escoitar todos os nosos programas xa emitidos, na web www.blogoteca.com/adfcblog.
 

25 de out. de 2012

"OS BOLECHAS"

OS BOLECHAS son dende hai máis dunha década toda unha revelación editorial en Galicia e tamén protagonistas da máis importante e exitosa serie da nosa literatura infantil. Causan verdadeiro furor e contan cunha auténtica lexión de fieis seguidores entre os máis pequenos.

O seu éxito, en palabras do seu creador, Pepe Carreiro, débese a que os seus protagonistas, seis irmáns (Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia, o pequeno Tatá e o seu incondicional can Chispa) viven aventuras en situacións e realidades moi cotiás para os nenos: a casa, a escola, o parque, o autobús, a praia... Esa proximidade e a súa forma de expresárense fan que os nenos se sintan cómplices e coprotagonistas das súas aventuras.

Con todo, o trazo máis salientable e diferencial de OS BOLECHAS é que é unha serie creada e desenvolvida totalmente en Galicia e que ademais emprega o galego na súa versión orixinal, xogando un importante papel na promoción e difusión do idioma.

Dende hai xa un mes, ademais, podémolos atopar na canle tvG2, onde cobran vida de luns a xoves, nas franxas do almorzo e da merenda, e os sábados pola mañá no programa do Xabarín Club, dentro da programación infantil en galego co obxectivo de salvagardar a lingua propia para as xeracións futuras.


E, como non podía ser menos nos tempos que corren, tamén contan coa súa propia páxina web, www.osbolechas.com, onde se poden atopar xogos e un libro interactivo.

20 de out. de 2012

HAI QUEN DI QUE AS PALABRAS AS LEVA O VENTO (por Mercedes Queixas)

"Hai quen di que as palabras as leva o vento... O que algúns non saben é que as leva sempre dun corazón a outro a través dun bico sonoro, dunha aperta apertadiña, dun segredo que visita caladiñamente o oído, dunha chiscadela de ollo que só ti comprendes, dunha noitiña emburullada que asoma por debaixo dun libro, dunha sobremesa celmosa, dun filme de animación, dun soño ridor, dun conto triste ou dunha canción falangueira.
E cando unha palabra nova nos acariña a pel pode facernos cóxegas e darnos ganas de rir, de brincar, de bailar, de xogar á pilla-pilla, de berrar, de chorar, de durmir, de soprar, de cantar, de calar ou abrir a boca coa sorpresa.
Por iso, por cada palabra que alguén non nos aprende ou deixamos que a leve o frío vento do nordés cando zoa, perdemos a palabra e tamén perdemos un bico, un aloumiño, unha cantarela, unha bágoa, unha sorpresa, un arrecendo, unha idea ocorrente, un sorriso, un alento, unha pregunta, unha resposta, un soño, unha ilusión, unha viaxe ou unha amizade.
Mamá aprendeume a apreciar a calor do peito, a catar o sabor do leite, a descifrar as cores irrepetíbeis das bolboretas, a atravesar as rúas, sempre vixiante, nos pasos de peóns e a vestir a roupa polo dereito.
Papá axúdame a construír castelos de area na praia, a bailar o trompo, a programar o lavalouzas, a nomear as estrelas desde o telescopio nas noites de verán e a comer os espaguetes con garfo e culler.
Miña irmá garda a súa saia favorita para cando eu sexa maior, preséntame as cores do arco da vella, e enrédame para bailarmos xuntas os nove números co rato do computador.
A avoa púxolles nome aos meus cinco dedos: o pequeniño, o medianiño, o pai de todos, o furabolos e o escachapiollos e o avó abaloume primeiro no berce e agora no bambán do parque.
Co padriño xogo aos birlos e á chave na fin de semana, cántolle ao caracol para que poña os cornos ao sol e inspiro o arrecendo natural do fiúncho. A madriña lévame ao mercado para non confundir a xarda e a xouba, a sardiña e o xurelo, o peixe sapo e o abadexo.
Coa curmá Xoana aprendo os nomes das vacas da súa casa da aldea (a Roxa, a Pinta e a Canela), das flores da fraga (as chorimas, os belitroques, as margaridas, as papoulas e os couselos) e descifro a lingua do moucho cando fala polas noites.
Todos me axudan a nomear e comprender o mundo en que vivo. Coas súas palabras, que eu fago miñas en canto me acariñan a pel, aprendo algo novo todos os días. Sei que sempre hai unha palabra que está a agardar agochadiña para que eu a descubra.
E cando os meus me entregan algunha palabra, eu correspondo lembrándolles aqueloutra que xa lles roubou o frío vento do nordés ou hai tempo que non usan porque a deitaron arrombada no celeiro dos esquecementos ou trocaron por outra allea pensando que campa máis. E preséntolles o mel doce, a estrada perigosa e a beirarrúa protectora, o luns que abre a semana, o amorote vermello, o reiseñor melodioso, o verme de seda, o lucecú noctámbulo, o golfiño brincador, o novo rato sen dentes do computador, a xoaniña voadora, o vídeoxogo bulidor, as dedas dos pés, as luvas para as mans e o vello atlas do mundo onde medran todas as palabras galegas ao carón doutros moitos milleiros de sons harmónicos. A rede de palabras coa que a min me agasallan e alimentan na escola para quererme e mirarme no espello do mundo con voz e imaxe propia."

 Mercedes Queixas, en "Sermos Galiza", 22/07/2012

18 de out. de 2012

4º PROGRAMA DE RADIO "AF/DC: A FUME DE CAROZO"

No cuarto programa de "A FUME DE CAROZO" deste curso, que poderedes escoitar o próximo martes, 23 de outubro, de 17:00 a 18:00 h., os novos cargos do equipo directivo do noso colexio, o Director Xeral e de Bacharelato, Juan Pablo Santiso, a Directora de ESO, Soraya Porto, e a Directora de EI e EP, Esther Ponte, van ser entrevistados por tres alumnos, Lucía Pedrosa (alumna de 1ºESO), que repite unha vez máis como presentadora, e dous compañeiros de 1º de Bacharelato, Diego Lorenzo e Jorge Silvosa.
A música ambiental correrá a cargo dun dos grupos galegos con maior proxección internacional, Luar na Lubre, con composicións recollidas no seu primeiro disco titulado "O son do ar", editado en 1988.

Lembrade que para escoitar este programa, que se emite todos os martes de 17:00 a 18:00 h., tedes varias posibilidades:
- No 103.4 da FM na comarca da Coruña.
- En directo por Internet, na web da emisora: cuacfm.org, e picar no botón "En directo".
- En diferido, podedes escoitar todos os nosos programas xa emitidos, na web www.blogoteca.com/adfcblog.

12 de out. de 2012

VIII XORNADA DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O próximo venres, 19 de outubro, terá lugar a VIII Xornada de Normalización Lingüística no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, organizada pola Comisión de Normalización Lingüística de FEREGA-CECA (Escolas Católicas de Galicia).

A programación da Xornada será a seguinte:
  • 9:15 - Recepción e recollida de documentación.
  • 9:30 - Inauguración da Xornada, que correrá a cargo de D. Valentín García (Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia) e de D. Xosé Fco. Martínez Reboiras (Secretario Autonómica de FEREGA-CECA).
  • 9:40 - Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro.
  • 10:15 - Charla de Manuel Núñez Singala: "Os prexuízos sobre o galego".
  • 11:15 - Pausa.
  • 11:40 - Actuación musical de Roberto Sobrado.
  • 12:00 - Obradoiros a elixir: "O xornal dixital" / "Vivir do conto" por Susa Herrera / "A competición de debate. O parlamento xoven" / "Debates 2.0" / "O audiovisual na aula de Educación Secundaria: REC_CURTA" / "Técnicas de fomento da lingua oral na clase".
  • 14:00 - Clausura da Xornada.

3º PROGRAMA DE RADIO "AF/DC: A FUME DE CAROZO"

O próximo martes, 16 de outubro, de 17:00 a 18:00 h. poderedes escoitar o terceiro programa de "A FUME DE CAROZO". Desta vez, estará presentado por tres alumnas de 1º de Bacharelato, Andrea Camba, María Corral e Alba López, que nos achegarán á figura dun dos máis salientables narradores da literatura galega do século XX cun programa monográfico literario dedicado a Eduardo Blanco Amor. O percorrido pola súa vida e obra irá acompañado de composicións do grupo ourensán Camerata Meiga, recollidas nun disco editado en 1999 titulado "Habelas hailas".

Lembrade que para escoitar este programa, que se emite todos os martes de 17:00 a 18:00 h., tedes varias posibilidades:
- No 103.4 da FM na comarca da Coruña.
- En directo por Internet, na web da emisora: cuacfm.org, e picar no botón "En directo".
- En diferido, podedes escoitar todos os nosos programas xa emitidos, na web www.blogoteca.com/adfcblog.

8 de out. de 2012

2º PROGRAMA DE RADIO "AF/DC: A FUME DE CAROZO"


Mañá, martes 9 de outubro, de 17:00 a 18:00 h. poderedes escoitar un novo programa de "A FUME DE CAROZO". Nesta ocasión estará presentado por dous alumnos de 2º de Bacharelato, Javier Barreiro e Santiago Varela, que nos farán lembrar aqueles anos mozos dos que moitos gozamos cun monográfico sobre o Xabarín Club.

Lembrade, unha vez máis, que para escoitar este programa, que se emite todos os martes de 17:00 a 18:00 h., tedes varias posibilidades:
- No 103.4 da FM na comarca da Coruña.
- En directo por Internet, na web da emisora: cuacfm.org, e picar no botón "En directo".
- En diferido, podedes coitar todos os nosos programas xa emitidos, na web www.blogoteca.com/adfcblog.

6 de out. de 2012

LINGUA GALEGA: CONTIDOS E CRITERIOS DE CUALIFICACIÓN - CURSO 2012/2013


Dende o Seminario de Lingua Galega e Clásicas, damos a coñecer os contidos e criterios de cualificación que rexerán a materia de Lingua Galega e Literatura nas etapas de ESO e Bacharelato para este curso 2012/2013.
Para poder velos, picade nas seccións de "ESO" e "BACHARELATO" que aparecen na marxe esquerda na páxina principal deste blog.

1 de out. de 2012

1º PROGRAMA DE RADIO "AF/DC: A FUME DE CAROZO"


Mañá, martes 2 de outubro, de 17:00 a 18:00 h. poderedes escoitar en directo o primeiro programa deste novo curso. Estará presentado pola alumna de 1º de ESO, Lucía Pedrosa, que nos dará a coñecer as persoas que dirixen ou colaboran activamente nos diferentes departamentos do centro (Acción Social, Pastoral, Orientación e Dinamización da Lingua Galega), e nos presentará as actividades que van desenvolver ao longo destes próximos meses. A ambientación musical deixarémola nas mans do músico galego Carlos Núñez.

Lembrade que para escoitar "A FUME DE CAROZO", que se emite todos os martes de 17:00 a 18:00 h., tedes varias posibilidades:
- No 103.4 da FM na comarca da Coruña.
- En directo por Internet, na web da emisora: cuacfm.org, e picar no botón "En directo".
- En diferido, podedes escoitar todos os nosos programas xa emitidos, na web www.blogoteca.com/afdcblog.