27 de set. de 2012

VOLVEMOS... E "A FUME DE CAROZO"



Si! A partir do próximo 2 de outubro, cada martes de 17:00 a 18:00 h., e ata maio, volvemos a estar circulando polas ondas co noso programa de radio "AF/DC: A FUME DE CAROZO"
Ao longo dos diferentes programas que realizaremos durante este curso, alumnos e profesores de Educación Primaria, Secundaria e Bacharelato quentarán os vosos oídos con cousas moi interesantes sobre temas moi diversos: novas do noso centro, entrevistas, lectura de poemas e relatos, teatro radiofónico, música.. 
Se queredes participar, poñédevos en contacto con algún dos membros do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do colexio e, se queredes escoitarnos, non tedes máis que sintonizar CUAC FM, no 103.4 ou na páxina www.cuacfm.org.
É máis, se vos perdestes algún programa ou queredes volver a escoitalo, picade neste blog na columna da esquerda en "Blogs e Páxinas de interese", onde pon "Programa de radio A fume de Carozo". Aí atoparedes todos os programas emitidos dende o 5 de maio de 2009.
Para todos vós... Axiña comezamos... e A FUME DE CAROZO!!!


15 de set. de 2012

5 MOTIVOS PARA LER POESÍA (por Fran Alonso)

1. A poesía non morde, non fai dano e, aínda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, nin romanticona, nin cursi, nin difícil. E hai moitos tipos de poesía para que elixamos.

2. A poesía serve para ler, cantar, berrar, recitar, rapear, musicar, declararse, rebelarse contra o mundo ou unicamente para falar suave á orella. Tamén é un somnífero para durmir ben, unha pastilla sen química que mellora a saúde e o benestar, e relaxa as persoas. E serve, sobre todo, para explicar as razóns e as emocións que non veñen no dicionario.

3. Os poemas son como caixas de ferramentas, valen para todo: para sentilos, manosealos, lelos, cheiralos, gardalos nun armario, ensucialos, para ligar, para poñelos enriba da cabeza, penduralos na parede, limpalos, recortalos, reescribilos, merendalos nun bocadillo de papel, ordenalos, metelos na neveira e lelos coa cabeza máis fría, ou deixalos sobre a cama para devoralos á noite, clandestinamente, cando todos se deitaron. Ademais, a poesía cura enfermidades como a impaciencia, os nervios, os pés planos, os enfados, a dor de cabeza, as feridas imprevistas, as dores de amor, as indixestións, a ansiedade e algunhas gripes.

4. A poesía está nas cousas que nos rodean a diario, na música, na amizade, no supermercado, na risa, na moto, no váter, na esperanza, na rutina, nas cousas persoais, no calexón sen saída, no mar contaminado, na tristura, no teu barrio, no ceo cuberto, no ordenador, nun berro, na paisaxe, na conversa e nas rúas. Onde ti queiras.

5. O importante da poesía non é obsesionarse con descifrala senón saber gozala, sentila e intuíla. Na poesía reconforta sentir o seu ritmo, a súa música, a súa sonoridade, os xogos de palabras que por veces nos deslumbran, as imaxes fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Poetizarse. En definitiva, facer da poesía un pracer.

12 de set. de 2012

BENVIDA!!!


Un saúdo a todos!
Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz - PP. Escolapios da Coruña queremos darvos a benvida a este novo curso 2012/2013 e convidarvos a visitar o noso novo blog "Lingua para amar", onde poderedes atopar novas interesantes relacionadas coa dinamización da lingua galega, un recuncho creativo cos poemas, relatos, cantigas... que vaiades elaborando nas aulas, e recursos lingüísticos, literarios, culturais, musicais, audiovisuais... aos que poderedes acceder para traballar na nosa lingua.
Ánimo! Bo curso!