25 de out. de 2012

"OS BOLECHAS"

OS BOLECHAS son dende hai máis dunha década toda unha revelación editorial en Galicia e tamén protagonistas da máis importante e exitosa serie da nosa literatura infantil. Causan verdadeiro furor e contan cunha auténtica lexión de fieis seguidores entre os máis pequenos.

O seu éxito, en palabras do seu creador, Pepe Carreiro, débese a que os seus protagonistas, seis irmáns (Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia, o pequeno Tatá e o seu incondicional can Chispa) viven aventuras en situacións e realidades moi cotiás para os nenos: a casa, a escola, o parque, o autobús, a praia... Esa proximidade e a súa forma de expresárense fan que os nenos se sintan cómplices e coprotagonistas das súas aventuras.

Con todo, o trazo máis salientable e diferencial de OS BOLECHAS é que é unha serie creada e desenvolvida totalmente en Galicia e que ademais emprega o galego na súa versión orixinal, xogando un importante papel na promoción e difusión do idioma.

Dende hai xa un mes, ademais, podémolos atopar na canle tvG2, onde cobran vida de luns a xoves, nas franxas do almorzo e da merenda, e os sábados pola mañá no programa do Xabarín Club, dentro da programación infantil en galego co obxectivo de salvagardar a lingua propia para as xeracións futuras.


E, como non podía ser menos nos tempos que corren, tamén contan coa súa propia páxina web, www.osbolechas.com, onde se poden atopar xogos e un libro interactivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario